Batman Arkham Origins Blackgate dá o salto ás plataformas domésticas

martes, 1 de abril do 2014 Marcus Fernández

O xogo Batman Arkham Origins chegou para consolas e ordenadores acompañado por un título para consolas portátiles (Nintendo 3DS e PS Vita) que o complementaba, Batman Arkham Origins Blackgate, e para que os que non gusten das pequenas pantallas poidan gozar deste título que enriquece a historia do gardián de Gotham estrea hoxe versión adaptada a consolas domésticas, de xeito que por 19,99 euros podemos mercalo para Xbox 360, PlayStation 3 e PC (Steam), mentres que a versión para Wii U espérase que chegue a finais de mes.
O adiamento deste xogo en 2 dimensións e media baseado na franquía de Batman Arkham na súa versión para Wii U non parece sorprender a ninguén, pois a súa versión nai, Batman Akrham Origins, xa tivo problemas na consola doméstica para Wii U, non só chegando cun par de semanas de retraso, senón tamén con limitacións como carecer de modo multixogador e suspendendo o pase de tempada (con contidos descargables que se publicarían despois do lanzamento do xogo) ante a pouca demanda rexistrada nesta plataforma que parece telo moi difícil para títulos de sagas alleas á propia Nintendo.

O xogo pode gozarse agora en alta definición


Trailer de Batman Arkham Origins Blackgate

PUBLICIDADE