Beat Saber chega a PlayStation VR

martes, 20 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Beat Saber é un xogo de ritmo que, en vez de empregar guitarras de plástico na liña de Guitar Hero ou Rock Band, insta a xogar empregando os mandos de sistemas de realidade virtual como Oculus Rift ou HTC Vive, converténdose en todo un fenómeno que fixo que este título transcendese a salóns recreativos e, finalmente, a PlayStation VR, xa que dende hoxe pódese mercar na súa versión para PlayStation 4 a un prezo de 29,99 euros.
Este intenso e divertido xogo somerxe ao usuario nun contorno virtual de luces de neon, para percorrer niveis de deseño coidado (aínda que minimalista) e acompañados por temas de música de baile electrónica que marcarán o ritmo a seguir mentres cuns sables láser de cor azul e vermella cortamos cubos da súa mesma cor na dirección indicada. Deste xeito practicamente temos un xogo de baile, pero en vez de estar ambientado nunha discoteca, está presente nun contorno futurista no que empregamos armas no máis puro estilo de Star Wars.
Dado que a música é específica do xogo, cada nivel está deseñado a man para que a súa experiencia sexa a óptima, coidando tamén o equilibrio na súa dificultade para que a súa mecánica sexa doada de aprender, pero difícil de dominar. Aparte da dificultade propia dos xogos de certa esixencia física, o modo campaña irá marcado obxectivos e retos, para converter o xogo nun desafío que pode verse tanto como un divertimento como dun xeito de ter unha maior actividade física (especialmente nos niveis de dificultade máis elevados).

Vídeo no que anuncian a data de lanzamento de Beat Saber para PlayStation VR

PUBLICIDADE