Bill Gates sostén na súa visita a España que desexa devolver a riqueza que recibiu de Microsoft

venres, 24 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Esta semana o fundador de Microsoft, Bill Gates, fixo escala en España antes de partir cara a Roma, onde participará nunha xuntanza con axencias de Nacións Unidas. Bill Gates mantivo unha serie de encontros, incluída unha entrevista coa Cadena Ser, que lle serviron entre outras cousas para botar un pouco de luz sobre as razóns persoais que moven agora ao creador de Windows, hai anos unha das persoas máis ricas e influentes do mundo, a dedicarse de cheo ás causas solidarias. Segundo fixo saber, a súa intención é devolver toda a riqueza que tivo a sorte de recibir grazas ao éxito de Microsoft.
Cura de saúde interior, penitencia, vaidade, marketing ou solidariedade e altruísmo real, o certo que Bill Gates anda de xira estes días para comprobar os efectos que están a ter na sociedade os recortes sociais dos diferentes gobernos, especialmente interesado nas consecuencias que van ter nas clases xa de por si desfavorecidas dos propios países en cuestión e, sobre todo, nas axudas ao desenvolvemento de outros estados. Este foi, dixo, o obxectivo que lle trouxo a España: debater co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, sobre as medidas a tomar en relación aos axustes orzamentarios. Gates, segundo fixo saber, opina que o ideal é que non se recorte en absoluto. E máis tendo en conta que a porcentaxe do PIB que se dedica ao desenvolvemento de outros países, malia ser menor do 1% na maioría dos casos, ten un especial valor por ser un xeito salvar unha chea de vidas. Con este obxectivo, Bill Gates está de xira estes días animando aos Gobernos a non rebaixar a dita porcentaxe. Asemade, e segundo se puido manifestar na entrevista coa Ser, aproveita a ocasión para amosar o seu punto de vista actual das cousas, en relación ao seu pasado e ao seu presente: “Non preciso ser recordado, o que me preocupa é o número de nenos que morren ao ano e que sofren doenzas terríbeis, como o SIDA ou a tuberculose; o obxectivo é reducir estas cifras. Encántame ver que estamos progresando, que traballamos e que apoiamos aos mellores científicos. Aí é onde nos van poñer nota e onde temos que facelo ben. Eu só intento pór algo da miña parte devolvendo toda a riqueza que tiven a sorte de recibir grazas ao éxito de Microsoft”.

PUBLICIDADE