Black Ops 7 será a vindeira entrega de Call of Duty

luns, 9 de xuño do 2025 Marcus Fernández

A franquía Call of Duty vén de confirmar oficialmente Black Ops 7, desenvolvido por Treyarch en colaboración con Raven Software. O título marcará un fito na historia da saga ao ser o primeiro lanzamento consecutivo dentro do universo Black Ops, situándose no ano 2035, máis de corenta anos despois dos eventos narrados en Black Ops 6.
A nova entrega mergulla os xogadores nun mundo devastado por conflitos violentos e guerra psicolóxica, nunha cronoloxía que continúa os acontecementos de Black Ops 2 e Black Ops 6.
O protagonista, David Mason, regresa á primeira liña ao fronte dun equipo que deberá enfrontarse a un inimigo capaz de converter o medo na súa arma máis letal.
O xogo chegará con tres modos principais: unha campaña cooperativa innovadora, un multixogador con armas de tecnoloxía futurista e novos mapas, e unha nova entrega de Zombies, centrada nesta ocasión nun capítulo escuro e retorcido do Dark Aether.
A campaña promocional arrinca co lanzamento do primeiro teaser oficial, que marca o ton dunha historia que promete levar os xogadores á tolemia máis absoluta. A presentación completa de Black Ops 7 está prevista para este verán, pero Activision xa anticipa pistas, teasers e sorpresas como parte da súa estratexia narrativa e promocional, coa mirada posta no lanzamento do que promete ser un dos xogos do ano.
Call of Duty: Black Ops 7 estará dispoñible en Xbox Series X|S, Xbox One, PlayStation 5, PlayStation 4 e PC (Xbox PC, Battle.net e Steam), e poderá xogarse desde o primeiro día a través de Game Pass Ultimate e PC Game Pass.

Vídeo de adianto de Call of Duty: Black Ops 7