Blizzard anuncia Diablo IV

luns, 4 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A celebración da BlizzCon 2019 foi todo un éxito este ano, xa que os asistentes ao Anaheim Convention Center non se viron defraudados ante o anuncio dunha versión para móbiles de Diablo (aínda que adiantasen numerosos detalles sobre Diablo Immortal), senón que desta volta por fin se presentou oficialmente Diablo IV, un agardado xogo que situarase moitos anos despois de Diablo III, e no que xurdirá a figura de Lilith, filla de Mefisto, que transformou o mundo nun lugar sombrío e carente de esperanza.
Dende Blizzard prometen que Diablo IV achegará unha campaña cun mundo moi amplo, xa que agora poderanse explorar cinco rexións de Santuario tan perigosas como distintas, conectadas de xeito continuo para manter unha sensación de mundo aberto.
Os xogadores poderán optar a explorar Santuario en solitario, para vivir a campaña ao seu ritmo, ou xuntarse en grupos de catro para unha experiencia colaborativa. Poderán elixir entre 5 clases distintas, das que polo momento só desvelaron 3 (o bárbaro, a feiticeira e o druída).
Aínda que polo momento non hai previsións sobre a data de lanzamento de Diablo IV, os asistentes á BlizzCon puideron probar unha versión de demostración totalmente xogable, polo que o título podería non estar moi lonxe, aínda que cómpre lembrar que Blizzard prefire agardar até que os seus xogos estean moi pulidos antes de lanzalos (e non é a primeira vez que cancela un título avanzado por non conseguir encaixalo nos seus estándares de calidade).

Tráiler de Diablo IV

Outros anuncios realizados na BlizzCon foi que para o ano que vén World of Warcraft recibirá a expansión Shadowlands (xa dispoñible en reserva), que o 10 de decembro Hearthstone recibirá a expansión El Descenso de los Dragones, e que Overwatch 2 prevé coller o relevo do Overwatch orixinal trasladando os logros e botíns dos xogadores actuais e mantendo aos xogadores actuais no multixogador (darán máis detalles do xogo segundo vaia avanzando o seu desenvolvemento).

Tráiler de Overwatch 2

PUBLICIDADE