Blogaliza pechará o 25 de abril

martes, 27 de marzo do 2018 Marcus Fernández

No ano 2003, coincidindo co nacemento do fenómeno de blogs en galego que recibiría o nome de Blogomillo, naceu un servizo de hospedaxe de blogs chamado Blogaliza, que facilitaba que os usuarios galegos non tivesen que recorrer a plataformas como Blogger para publicar as súas bitácoras.
O volume de cadernos publicados ao amparo do servizo era bastante importante nos primeiros anos, converténdose en todo un referente, traxectoria que non resultou doada, pois a plataforma nunca contou con grandes medios para operar e, de feito, hai 5 anos decidiu realizar unha purga de blogs inactivos, e que agora anuncia unha media moito máis drástica: pecharán as súas portas virtuais o 25 de abril. Deste xeito, o usuarios que quedan na plataforma terán tempo para realizar copia dos contidos e migrar a outras plataformas.
O abandono de Blogaliza parecía algo inevitable, pois non só os seus blogs máis significativos migraron a outras plataformas hai anos (actualmente só acolle uns 80 cadernos), senón que tamén a actividade nos blogs persoais experimentou unha drástica caída coa emerxencia de plataformas como Facebook, Twitter, Instagram e YouTube, eliminando a necesidade de manter un blog persoal para comunicar a través da Internet.
Di así adeus o que foi un faro da Internet en galego, feito que debería chamar á reflexión sobre a necesidade de conservación do noso patrimonio dixital, xa que cada vez resulta máis complexo consultar mostras de fenómenos como o Blogomillo, por estar desaparecidos boa parte dos espazos web que o formaron no seu día, escribindo un dos capítulos máis interesantes da historia da Internet en Galicia.

PUBLICIDADE