Blusens comeza con éxito a súa andaina en Kuwait

xoves, 7 de maio do 2009 Raquel Noya

Blusens Middle East, a filial para Oriente Medio da compañía tecnolóxica galega do mesmo nome, vén de botar a andar no sector das comunicacións en Kuwait, co desenvolvemento íntegro do proxecto Salmiya Furnished, consistente na ampliación en dúas fases dos seus sistemas de SMATV e IPTV no complexo residencial Salmiya Furnished Apartments de Kuwait.
Grazas a este acordo, a compañía con sede en Santiago de Compostela, será a primeira en implementar en Kuwait vivendas de nova construcción co sistema de IPTV (con servizos interactivos) en detrimento do CableTV.
Logo de establecer a súa presenza no sector da electrónica de consumo en Kuwait e de constatar as boas impresións que deixou a compañía galega na edición 2008 de Gitex Technologic Week, (celebrada en Dubai o pasado ano), Blusens vén de obter os dereitos que a acreditan para desenvolver e implementar a súa nova gama de produtos Pro-Line no proxecto Salmiya.
Este proxecto divídese en dúas fases: unha primeira, valorada en 1,1 millóns de dólares, que consiste na instalación e distribución de 16 transpondedores de sinal satélite IPTV (Televisión e Protocolo de Internet) no primeiro dos edificios e unha segunda fase que inclúe a expansión do sistema a 6.000 apartamentos con máis de 300 canles de TV, catálogo de películas e a posibilidade de instalar sistemas de sinalización dixital.
Este ambicioso proxecto outorgado a Blusens Middle East, pretende converterse en pioneiro así como, segundo afirmou Miguel Silva, vicepresidente executivo da empresa, “nun exemplo a seguir no mercado de Kuwait, xa que supón a desaparición dos sistemas coaxiais tradicionais e o comezo dunha distribución compatible con Alta Definición”.

PUBLICIDADE