Blusens estrea nova páxina web e feitura máis atractiva

xoves, 17 de xullo do 2008 Raquel Noya

A nova web de Blusens pódese consultar en español, galego e inglés

Lonxe de pechar por vacacións a nosa multinacional tecnolóxica máis internacional, Blusens, semella estar máis activa que nunca e vén de presentar hoxe a súa nova páxina web corporativa na que introduce contidos actualizados sobre a compañía nunha interface cun deseño máis atractivo para os usuarios.
A nova web aporta, asemade, seccións melloradas de Soporte Técnico e Descargas Multimedia así como completa información e imaxes sobre a totalidade dos seus produtos; todo isto presentado para navegar dun xeito máis intuitivo o que permite atopar a información “de xeito doado, directo e rápido”. Así o vén de asegurar o director de Marketing de Blusens, Miguel Churruca, que engadiu que o obxectivo do novo portal da firma “é mellorar substancialmente a experiencia de navegación do usuario, enriquecendo a cantidade e a calidade dos recursos aos que poden ter acceso”.
Esta nova páxina web inclúe accesos directos aos portais de BluGeneration (a comunidade en liña na que os usuarios de produtos Blusens poden interactuar, descargar e compartir contidos persoais), Blusens Aprilia e Blusens Music, o innovador selo discográfico dixital da multinacional galega do que xa demos conta, máis detidamente, noutra ocasión en Código Cero.

PUBLICIDADE