Boas perspectivas de colaboración tras a visita de empresas de EGANET aos países nórdicos

venres, 12 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Tal e como avanzamos nesta web hai unhas semanas, as empresas de EGANET veñen de pór o punto de mira nos países nórdicos e máis en Brasil na procura de novos mercados e novos axentes cos que colaborar. Con este motivo, organizáronse dende a entidade dúas misións tecnolóxicas cara os ditos contornos xeográfico-tecnolóxicos. Pois ben, segundo se nos conta dende a asociación empresarial galega, a xira por Escandinavia xa rematou oficialmente. E dicimos “oficialmente” porque semella que no transcurso da visita conseguíronse interesantes logros de cara a proseguir a invasión galega de xeito máis continuo e menos estrito. A misión a Escandinavia, que se desenvolveu entre o 24 e o 30 de outubro co fin de coñecer de primeira man a tecnoloxía punteira e de referencia en Europa (e amosar a nosa), abrangueu encontros con axentes e empresarios de Suecia, Noruega e Finlandia.
Segundo fai saber EGANET, a delegación galega incluíu representantes das firmas AVA Soluciones Tecnolóxicas, Igalia, Imatia Innovation, Galinus Comunicación en Internet e Isenda Telemática. Grazas á visita, comunica a entidade, creouse unha ampla rede de contactos con compañías potencialmente colaboradoras no camiño das novas oportunidades de negocio.
Este proxecto contou co financiamento do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), dentro do marco do seu programa Misións Tecnolóxicas directas e inversas.
“O resultado máis destacado desta misión”, conta EGANET, foi a creación dunha ampla rede de contactos con empresas nórdicas”. E prosegue: “Polo de agora e a nivel individual, as firmas galegas participantes seguen a estreitar ligazóns cos diferentes centros visitados para estudar as posibles sinerxías de traballo e abrir as oportunidades de negocio, sendo as áreas de maior interese para Galicia a do naval, a do software libre e máis a da xestión integral de produtos do sector primario”.
Unha das visitas máis salientables, infórmase, foi a que se levou a cabo no centro de investigación de Oulu, un dos maiores do mundo, cuxa principal empresa é Nokia. “Alí a delegación coñeceu o Center of Internet Excellence, onde puido ter acceso aos últimos desenvolvementos tecnolóxicos de Nokia. Ademais, estiveron en Technopolis, un parque con varias delegacións en Finlandia, Estonia e Rusia que aglutina a máis de 1200 empresas e organismos de investigación e desenvolvemento”, conta a asociación.
Outros dos lugares destacables da visita foron o Digital Art Center, un centro sueco vangardista cun laboratorio experimental de desenvolvemento multimedia, e o Swedish Ict Research AB, que engloba a varios institutos de investigación en materia Tic. En Noruega desprazouse ao IKT-Norge e ao Centro de Innovación de Oslo, cuxa misión principal é dar saída comercial aos resultados viables de investigacións.
O vindeiro destino é Brasil
Dado os bos resultados desta primeira misión tecnolóxica, EGANET, no marco do mesmo programa do IGAPE, está a traballar nunha segunda experiencia de intercambio con Brasil, “un país punteiro no sector, con amplas posibilidades de negocio para as empresas galegas debido ás taxas de crecemento económico experimentadas polo país e as similitudes lingüísticas con Galicia”. Esta terá lugar entre os próximos 21 e 27 deste mes, e nela participarán outras dez empresas representantes do sector TIC galego.
Na fotografía: o presidente de Eganet, Víctor López García -cuarto pola esquerda-, xunto cos empresarios da delegación galega e representantes de Nokia no centro de investigación de Oulu, Finlandia.

PUBLICIDADE