Bota a andar oficialmente o protocolo IPv6

mércores, 6 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Para garantir o crecemento da Internet e posibilitar que miles de millóns de dispositivos poidan acceder á Rede a nivel mundial, numerosas empresas e milleiros de páxinas web (entre as que non faltan Google, Facebook, YouTube e Yahoo!) celebraron hoxe o lanzamento mundial do protocolo IPv6, activándoo definitivamente despois de que o ano pasado fose todo un éxito a proba desenvolvida durante 24 horas.
O protocolo de Internet actual (IPv4) está limitado a 4.300 millóns de enderezos IP, de xeito que nalgunhas rexións do mundo xa non quedan bloques de enderezos para repartir, o que supón un imporante atranco, especialmente agora que cada cidadán conta con varios dispositivos conectados (ordenador, smartphone, tablet, televisor, consola de videoxogos...) de aí que sexa preciso dar un paso adiante e adoptar un protocolo máis ambicioso, que continuará sendo compatible co anterior, pero que terá o seu teito nos 340 sextillóns de enderezos, cantidade que dificilmente poderá chegar a ocupar a humanidade de manterse no noso planeta.
Agora o reto é que todas os enderezos dispoñibles mediante IPv4 estean tamén en IPv6 (sen ter que empregar os mecanismos de retrocompatibilidade) de xeito que dentro duns anos toda a Rede estea accesible mediante IPv6, o que permitiría desbotar o espazo de enderezos anterior ou , cando menos, garantir que cando un novo servizo xurda dende un enderezo IPv6, estea dispoñible universalmente (o que hoxe dista moito de ser posible). Para conseguir tal obxectivo é prioritario que a partires de agora os provedores de acceso á Rede activen o protocolo IPv6 de xeito predeterminado, e instalen dispositivos de rede (como os routers domésticos) que permitan tal posibilidade.