Breakout Beyond dá un xiro aos xogos rachaladrillos

martes, 4 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Nos primeiros tempos dos salóns recreativos tiveron certo éxito os xogos rachaladrillos como Breakout e Arkanoid, e agora o xénero quere volver a través dunha colaboración entre Atari e o estudio Choice Provisions para facer realidade Breakout Beyond, título que chegará a PC e consolas a finais deste ano.
Breakout Beyond dálle un xiro literal á lendaria serie Breakout ao facer que a mecánica de movementos sexa horizontal en vez de vertical. Esta nova entrega da saga desafiará os xogadores non só a romper todos os ladrillos, senón tamén a atravesar creativamente o muro con combinacións de puntuación. Breakout Beyond introduce unha nova perspectiva lateral, con 72 niveis cheos de acción e un modo cooperativo para dous xogadores, pensado para compartir a emoción de romper ladrillos cun amigo.
Nesta reinterpretación con estética de néon do clásico xogo arcade de 1976, os xogadores deberán superar cada nivel rompendo ladrillos até chegar ao obxectivo final. Os xogadores avanzan lateralmente, rompendo barreiras e encadeando combos que aumentan a intensidade dos efectos, recompensando aos máis hábiles cun espectáculo de luces impresionante. Romper bloques especiais outorga vantaxes, como explosións masivas que eliminan múltiples ladrillos, un escudo protector para a bóla e un canón láser para abrir camiño. Cada un destes elementos libera efectos dinámicos sorprendentes, ofrecendo unha experiencia visual inédita na saga Breakout.
Breakout Beyond lanzarase a finais deste ano en PC, Nintendo Switch, Xbox One e Series X|S, PlayStation 4/5 e Atari VCS.

Tráiler de presentación de Breakout Beyond