Brightcove lanza a súa propia rede para os pequenos produtores de vídeos

luns, 30 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Brightcove Network é un servizo de difusión de vídeos para os pequenos produtores, que busca navegar entre a proliferación de canles mediáticos e persegue a viabilidade dos pequenos produtores audiovisuais.
O sistema creado xa conta con varios clientes corporativos, e permite administrar os vídeos que publican os editores nas súas propias webs, así como achega a sindicación e a subscrición ós mesmos dende a web de Brightcove, compartindo o 50% dos ingresos por publicidade e o 70% dos ingresos no caso de descargas de pago.
Ademais, o sistema de Brightcove non limitará a duración máxima dos vídeos incluídos no seu sistema, e a publicidade terá distintos xeitos de integrarse, polo que poden aparece antes ou despois dos clips e incluso fóra dos mesmos (mediante banners situados ó seu carón).
Temos así que este servizo non ten nada que ver con outros coma YouTube, xa que está orientado a un sector semi-profesional, ou a produtores afeccionados de certa seriedade, que poderán atopar neste no sistema unha solución moi axeitada para rendibilizar os seus produtos na Rede. Curiosamente o sistema permite dous tipos de usuario, de xeito que a publicidade amosada polos usuarios de balde a controlará Brightcove, entres que os usuarios de pago poderán exercer control sobre a mesma (podendo, incluso, amosar os contidos sen anuncios).
Sen lugar a dúbidas, Brightcove é un referente dos cambios que se están a producir no contorno do vídeo na Rede, posto que os modelos de negocio deste tipo de produtos están a vivir toda unha revolución, que neste caso parecen afrontar dun xeito exemplar, pois se axusta tanto ós pequenos produtores como ás grandes compañías, que terán unha nova fonte de ingresos económicos.