Buenafuente promociona o seu novo programa de televisión cunha curiosa páxina web en construción

xoves, 2 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Durante estes días a canle de televisión laSexta está a incorporar cortiniñas nas que se anuncia a chegada de Andreu Buenafuente á súa programación, nova que contou coa atención da meirande parte dos medios de comunicación españois, e que salta agora á Rede para que a xente non perda o fío do que será o novo programa de televisión que chegará o 17 de setembro.
Para dar o cante na web, decidiron crear unha web oficial do programa, que aínda está en obras, o que tomaron de xeito literal, amosando un espazo composto por un simple esbozo feito a man do que será a futura web, o que lembra a páxinas coma Made In Boli, e que podería acadar moita notoriedade nos vindeiros días, posto que parece ser do agrado de moitos blogueiros.
Dende esta curiosa web se inclúe unha ligazón ó blog de Buenafuente no que comenta a súa fichaxe por laSexta, destacando que o seu programa che chegou ás 303 edicións e agardan consolidar esta longa vida na canle privada da que o propio humorista ten parte do seu capital accionarial.

PUBLICIDADE