Bus.gal incorpora novas ferramentas

luns, 15 de xullo do 2019 Redacción

A Xunta optimiza a páxina web do Transporte Público de Galicia con novas ferramentas que facilitarán aos usuarios o acceso á información dos servizos de autobús. O espazo web en funcionamento tras a entrada en servizo do Plan de Transporte Público de Galicia, inclúe agora máis opcións para dar mellor resposta ás necesidades dos cidadáns que empregan o autobús.
Esta plataforma ofrece a posibilidade de planificar a viaxe desexada, seleccionando as paradas de orixe e destino, incluso a través dun mapa. Os usuarios tamén poderán acceder aos servizos dispoñibles para o desprazamento que precisen, así como as rutas e os horarios de paso polo punto establecido.
A Xunta, que segue a traballar para mellorar os servizos de transporte, tamén engadiu na páxina web unha enquisa de satisfacción, que os viaxeiros poderán cubrir, expresando as súas opinións. Así, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá considerar as achegas dos usuarios para continuar optimizando o acceso á información.
Cómpre lembrar que a páxina tamén contempla a opción de realizar reservas de servizos de transporte público baixo demanda. Para isto, as persoas interesadas en reservar a praza deben facelo ata as 20 horas do día laborable anterior á xornada na que se queira viaxar, tamén a través do número teléfono 988 68 78 00.

PUBLICIDADE