Call of Duty: Black Ops é o xogo máis descargado do ano

mércores, 29 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Ao igual que Avatar foi a película líder en recadación e descargas a través da Internet durante 2010, dende TorrentFreak publican datos relativos ás descargas de videoxogos a través da rede BitTorrent, lideradas pola versión para PC de Call of Duty: Black Ops cun total de 4,27 millóns de descargas, seguindo a liña de Modern Warfare 2 en 2009. Os seguintes títulos para PC en descargas serían Battlefield: Bad Company 2, Mafia 2, Mass Effect 2 e Starcraft II, todos cun volume nas redes P2P moi superior aos xogos de consola.
Se botamos un ollo á Wii temos que Super Mario Galaxy 2 rexistrou 1,47 millóns de descargas, seguido de Wii Party con 1,22 millóns, Donkey Kong Country Returns con 0,92 millóns, Kirbys Epic Yarn con 0,88 millóns e Red Steel 2 con 0,85 millóns, deixando claro que Nintendo lidera tanto as vendas como as descargas de BitTorrent.
Na Xbox 360 pode resultar rechamante que as descargas non estean directamente relacionadas coas vendas (posiblemente porque os usuarios que gusten do xogo en liña deben fuxir da piratería para evitar o veto en Xbox LIVE), e o xogo máis descargado foi Dante’s Inferno con 1,28 millóns de descargas, Alan Wake con 1,14, Red Dead Redemption con 1,06, Halo Reach con 0,99 e Call of Duty: Black Ops con 0,93.
Estas informacións sobre descargas non son exhaustivas, pero serven como orientación, especialmente no mercado norteamericano.

PUBLICIDADE