Call of Duty estréase en dispositivos móbiles

martes, 1 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A pasada noite chegou a Android e a iOS o agardado Call of Duty: Mobile, xogo de acción que quere competir con éxitos como Fortnite e PUBG, para o que ofrecen unha experiencia de balde, con distintos modos de xogo e mapas moi recoñecibles para os seareiros do xogo para consolas e ordenadores persoais.
Temos así que Call of Duty: Mobile permite gozar de partidas rápidas de 5 contra cinco, de modo battle royale para 100 xogadores ou incluso dos xa clásico modo de enfrontamento a unha praga de mortos viventes.
O xogo chega cuns gráficos detallados, controis personalizables, chat de voz e texto e incluso bo son, transmitindo bastante ben o espírito do xogo ao móbil, aínda que con cambios dabondo como para ofrecer experiencias moi diferentes, á vez que xuntará a comunidades de usuarios moito máis diversas.
Aínda que este xogo, con compras integradas na aplicacións, ten moitas bazas para ser un grande éxito, o seu lanzamento hoxe é todo un acerto, xa que o 25 de outubro chegará o novo Call of Duty: Modern Warfare, e deste xeito amplifícase a expectación dunha serie que xunto con FIFA é un dos grandes protagonistas da campaña de Nadal.

Os enfrontamentos desenvólvense en mapas moi recoñecibles para os seareiros da franquía

Tráiler de Call of Duty: Mobile

PUBLICIDADE