Canal 24 Horas estrea a televisión educativa interactiva en España

luns, 11 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Os días 11, 18 e 25 de xuño ás 21:00 horas a canle de Televisión Dixital Terrestre de RTVE, Canal 24 Horas, empregará o programa A Ciencia Cierta, dirixido e presentado por Esteban Sánchez Ocaña, para realizar as primeiras probas reais de televisión educativa interactiva en TDT.
Para poder acceder a estas características de interactividade é preciso sintonizar o programa dende un receptor de TDT con soporte MHP, ou sexa, con prestacións interactivas multimedia, de xeito que durante a emisión se pode acceder a información adicional sobre os contidos dos programas, achegar novas referencias (bibliografía, ligazóns, ...) e mesmo completar cuestionarios interactivos para probar os coñecementos do espectador sobre o tema tratado.
Para esta estrea, o programa de Sánchez Ocaña tratará o tema da Televisión Dixital Terrestre, ó que seguirán os Neandertales e as sondas espaciais (nas dúas seguintes entregas). Así, ós servizos de información permanente, a guía da programación, o servizo de busca de emprego e ó sistema de confirmación da Declaración da Renda 2006 engadirase a televisión educativa interactiva, conformando unha oferta moi sólida por parte de RTVE que aínda non ten reflexo no resto de entidades explotadoras da TDT.
Dende a web de RTVE permiten ver a cabeceira do programa A Ciencia Cierta:

Video de cabecera de A CIENCIA CIERTA