Candela achega dende Vigo un sistema de xestión smart do alumeado público

venres, 27 de xaneiro do 2017 Redacción

Levar as vantaxes da Internet das Cousas e a información masiva (Big Data) ao ámbito do alumeado público das cidades galegas e co fin de mellorar a súa xestión, e incentivar o aforro e a sustentabilidade. Este é o gran alicerce do proxecto Candela, que foi presentado onte no Campus de Vigo polas súas entidades impulsoras, un consorcio integrado por empresas de enxeñaría (SETGA, que lidera o proxecto, xunto con ITELSIS, INTECO e INSITU) e investigadores da Universidade de Vigo (Grupo de Tecnoloxía Enerxética) e de Gradiant. O proxecto, posto en marcha hai un ano, é un proxecto Smart City por dereito propio. Segundo se fixo saber na presentación, “ten como obxectivo avanzar no eido das Cidades Intelixentes coa creación dun conxunto de solucións que permitan medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo o sistema lumínico público urbano”. Entre os ingredientes utilizados, amais do coñecemento atesourado por todas as entidades implicadas, atópanse as seguintes tecnoloxías: os sensores Lidar (Light Detection and Ranging), o Big Data, a Internet das Cousas (IoT) e as novas tecnoloxías de LED.
Candela, en termos concretos, achegará un sistema de “luminaria intelixente e conectada, seguindo os conceptos da Internet das Cousas", explicaron os investigadores, engadindo que este sistema permitiranos avaliar o estado actual da luminaria e ter capacidade íntegra de comunicación e seguimento en relación ao alumeado, concretamente dende un centro de control “ao abeiro dun concepto de cidade intelixente”. Isto quere dicir que a diferenza dos sistemas tradicionais de monitoraxe, Candela porá en xogo un escenario onde as propias lámpadas serán quen de avaliar o seu estado, facendo cousas como medir o consumo ou calibrar canta “vida” lles queda.
Candela, subvencionado por la Axencia Galega de Innovación, arrancou en febreiro de 2016 con dous anos de medio de duración total e un orzamento de 863.442,78 €.
Con este proxecto, engadiuse na presentación, “empresas e centros de investigación tratan de reducir o custe enerxético do alumeado público mediante a mellora da súa regulación a través de controis en-liña e automatizados, ao tempo que se mellora tamén o mantemento das instalacións a partir de detección temperá de incidencias”. Ademais, dixeron, “tratarase de mellorar a percepción visual que a cidadanía ten das instalacións, optimizando a súa xestión e aumentando a seguridade viaria apostando por un regulamento da iluminación con capacidade de adaptación a condicións climatolóxicas cambiantes e polo deterioro progresivo das instalacións”.
O sistema resultante, ademais, posibilitará a toma das máis acaidas e axeitadas decisións administrativas e técnicas, amais dunha mellor comunicación coa cidadanía relativa aos servizos de alumeado público existente e as posíbeis melloras.
Os investigadores salientaron que os seus traballos permitirán acadar “catro obxectivos prioritarios”.
· Reducir o tempo de operacións durante o ciclo integral de proxecto nun 97%, diminuíndo o número de horas e meses empregados de 30 meses a un mes en infraestruturas medias de 30.000 puntos de luz.
· Procurar unha “conectividade participativa” con toda a infraestrutura de alumeado a través dunha rede IoT – LPWA.
· Adaptar os parámetros de luz aos ritmos da poboación e aos niveis de actividade urbana mediante sistemas con sensores integrados en IoT.
· Potenciar a capacidade de pór en funcionamento unha auditoría verificadora sobre os niveis de luz na totalidade da infraestrutura de alumeado público, “corrixindo de contado as desviacións reais experimentadas polos principais parámetros luminotécnicos até o final da vida útil”.

PUBLICIDADE