Cangas estreou portal cidadán e portal turístico

luns, 27 de novembro do 2017 Redacción

O Concello de Cangas estreou este mes dúas grandes novidades tecnolóxicas. Por unha banda, o seu novo portal cidadán, dispoñíbel no dominio cangas.gal, dende o que fai gala dunha remodelación completa con respecto ao anterior sitio dixital (aplicando novos estándares de usabilidade e transparencia e fornecendo á cidadanía a máxima utilidade en materia de consultas, xestión ou actualidade). Pola outra, o portal turístico de Cangas, unha web deseñada para salientar e visualizar polo miúdo os principais atractivos turísticos do Concello.
Segundo nos conta a empresa Abertal, encargada de levar a cabo as iniciativas, o portal turístico é froito “dun gran labor de recompilación de contidos para ofrecer información detallada de cada punto de interese, xunto coa súa localización”. Ademais, ofrece unha completa guía de aloxamentos, restaurantes e outros servizos que poden ser de utilidade para os turistas que se acheguen ao concello pontevedrés.
O portal turístico, que fai gala dun deseño visual onde prima a información clarificada e sinxela, fornécese en tres idiomas, galego, castelán e inglés. Descubre Cangas, Que facer, Lugares con encanto e Actividades son as pestanas principais do sitio.
Volvendo ao portal cidadán, salienta polo deseño práctico e accesíbel, con todos os elementos artellados para que a veciñanza poida consultar doadamente toda a información ou os datos de contacto sobre as diferentes áreas que forman parte da Administración local, sobre as xestións municipais, sobre as novas, eventos ou avisos; entre outros recursos e servizos. Unha das principais novidades é a Liña directa co Concello, unha ferramenta que permite aos cidadáns escribir e dirixir suxestións directamente a calquera departamento do Consistorio.

PUBLICIDADE