Carlos Abal, novo presidente de Ineo
xoves, 18 de xaneiro do 2018
A
asociación Ineo, a referencial
alianza de empresas galegas de novas tecnoloxías, ten novo
presidente. Trátase de Carlos Abal, que substitúe no seu cargo a
Giovanni Giardina, o principal responsábel da entidade dende outubro
de 2016. Segundo fixo saber Giardina sobre o peche da súa andaina á
fronte de Ineo, o seu labor á fronte da entidade tiña dende a súa
orixe unha natureza temporal, de tempo limitado, xa que o seu
obxectivo foi o de impulsar a presidencia rotativa dentro da xunta
directiva, “para así garantir a esencia participativa e
colaborativa que rexe a entidade”. Por este motivo, Giardina non se
desvincula da directiva senón que seguirá nela como
secretario-tesoureiro, cedendo o seu cargo (previo acordo unánime
dos demais membros da xunta), a Carlos Abal, anterior
secretario-tesoureiro.
Pola
súa banda, Carlos Abal, socio e director técnico da empresa Open
Soft Servizos Informáticos, fixo saber que dará continuidade ás
liñas de acción marcadas pola xunta directiva ao comezo do seu
mandato: “Póñome á fronte de Ineo con moita ilusión para
continuar facendo realidade os obxectivos que nos marcamos ao comezo
do mandato. Por tanto, non haberá ningún cambio de estratexia,
somos a mesma directiva e seguiremos co plan de acción que
iniciaramos, simplemente houbo un cambio da cabeza visíbel da
asociación”. Segundo engadiu respecto dos programas de estratexias
futuras, “como representantes do sector TIC galego, seguiremos
traballando para crear sinerxías a nivel nacional e internacional
para as nosas empresas, para darlles visibilidade e un mellor
posicionamento, axudalas a que sexan máis competitivas e para
capacitar aos nosos profesionais, como viñemos facendo ata a data”.
O
novo presidente de Ineo foi o encargado de inaugurar esta mañá,
xunto con Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de
Empresarios de Pontevedra (CEP), unha xornada organizada en Vigo por
ambas as entidades sobre o novo regulamento europeo de protección de
datos e canon dixital, que contou cun centenar de asistentes. Na súa
intervención, Carlos Abal salientou a relevancia desta xornada para
coñecer as novidades e esixencias que introduce o novo regulamento:
"Nas empresas aínda se detecta descoñecemento e unha falta de
adaptación ás esixencias do mesmo". Así mesmo, engadiu que
“estamos ante unha normativa bastante ríxida, onde as sancións
ligadas aos incumprimentos son severas, polo que é moi importante
unha pronta e rápida adaptación”.
Como
dixemos, na cita participaron representantes de preto de 100
entidades galegas de distintos sectores. O seu obxectivo foi coñecer,
de primeira man, os novos marcos regulamentarios no ámbito de
protección de datos e canon dixital, e informarse dos seus
principios reitores, implicacións prácticas e as posíbeis sancións
derivadas do seu incumprimento.
Os
encargados de detallar as novidades sobre as devanditas cuestións
foron os avogados Jose Nogueira, experto en sector TIC e director
executivo (CEO) en Sistemius; Francisco J. Abalde, socio de Auren
Avogados; e Fabián Plaza, experto en protección de datos e dereito
informático.