Carlos Gómez, investigador do CITIC, recibe este mércores o Premio Nacional de Investigación para Mozos na área TIC

martes, 28 de febreiro do 2023 S. P.

Carlos Gómez Rodríguez, investigador do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e profesor da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, vai recibir este mércores 1 de marzo o Premio Nacional de Investigación para Mozos na área TIC de mans do Ministerio de Ciencia e Innovación. Carlos Gómez estuda o Procesamento da Linguaxe Natural para que a comunicación cos computadores sexa máis efectiva. Amais, coordina a área Innova Humanitas do Campus Innova da UDC e lidera o único laboratorio europeo que conseguiu superar os récords en precisión da análise sintáctica desde a popularización das arquitecturas de aprendizaxe profunda.
En concreto, recibirá en Madrid o Premio Nacional de Investigación para Jóvenes María Andresa Casamayor, na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) na entrega de premios á que asistirá o reitor da UDC, Julio Abalde.
O investigador foi recoñecido “pola orixinalidade e o impacto das súas achegas ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornas dixitais propios da Intelixencia Artificial”, segundo destaca a nota emitida polo Ministerio.
A traxectoria investigadora de Carlos Gómez é o Procesamento da Linguaxe Natural, en particular a análise sintáctica que contribúe a que os ordenadores poidan traballar coa linguaxe humana, de forma que se comuniquen coas persoas de forma máis efectiva.
Xunto con Carlos Gómez, foron recoñecidos outros nove investigadores novos, nunha convocatoria na que se presentaron 185 candidaturas. Estes premios son o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica.
Segundo destacou a ministra Diana Morant, estes galardóns “poñen en valor a ciencia que se fai en España grazas ao labor de investigadores e investigadoras con carreiras excepcionais, que dedican a súa vida a xerar coñecemento e a trasladalo en aplicacións para a sociedade”.
Os recoñecementos, dotados con 30.000 euros en cada modalidade, están dirixidos a investigadores de menos de corenta anos, que estean desenvolvendo un labor relevante e recoñecido internacionalmente nunha institución española.

PUBLICIDADE