Carmela López di que o novo Grao en IA da UNED é un paso estratéxico para o futuro de Lugo
martes, 26 de maio do 2026
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este martes 26 de maio á tardiña xunto á directora da UNED Lugo, Ana Traseira, e o equipo directivo, na presentación da nova titulación en Intelixencia Artificial do centro universitario, que se implantará o vindeiro curso académico.
Durante a súa intervención, Carmela López destacou que este novo grao “supón unha aposta estratéxica para o futuro da provincia e un paso importante para reforzar a formación nun dos sectores tecnolóxicos con maior crecemento e proxección”.
A mandataria provincial salientou que “a IA xa está a transformar a maneira na que traballamos, aprendemos e prestamos servizos públicos”, polo que considerou fundamental que a provincia avance nesta dirección e non quede á marxe destes cambios.
Sinalou tamén que a nova titulación alíñase coa estratexia provincial de Intelixencia Artificial MencIA, aprobada este mesmo 26 de maio por unanimidade no pleno da Deputación, “coa que se busca impulsar a transformación dixital desde o ámbito público, con garantías, control sobre os datos e adaptada á realidade da provincia”. Incidiu ademais que “a innovación tecnolóxica debe servir tamén para reforzar os servizos públicos, acompañar aos concellos máis pequenos e garantir igualdade de oportunidades na provincia”.
No marco da visita, a presidenta aproveitou a súa primeira presenza oficial na UNED de Lugo como máxima responsable da Deputación para asinar no Libro de Honra e coñecer as instalacións e o funcionamento do centro. Durante o percorrido, interesouse pola actividade académica e polos proxectos en marcha.
Enxalzou o centro como ferramenta de acceso á educación superior na provincia, “que permite estudar sen necesidade de abandonar o territorio e adaptando a formación ás circunstancias persoais, laborais e familiares do alumnado”. A presidenta destacou tamén “o récord histórico de matrícula acadado este curso, con máis de 1.240 estudantes e un crecemento superior ao 12 %, un dato que”, segundo sinalou, “reflicte a confianza da sociedade lucense neste proxecto educativo”.
Pola súa banda, a directora da UNED de Lugo agradeceu o compromiso da Deputación co centro e subliñou “a importancia de seguir avanzando na actualización da oferta académica mediante novas titulacións, microcredenciais e programas adaptados ás necesidades emerxentes da sociedade e do mercado laboral”.
