CastTV revolucionará a busca de vídeos a través da Internet

martes, 3 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Edwin Ong e Alex Vikati, fundadores de Filefish (compañía que comprou Oracle en 2003), están a preparar un novo e interesante proxecto, CastTV, que pretende producir un buscador de vídeo na Internet que podería ser un éxito absoluto, superando a outros buscadores de vídeo coma Truveo, a tenor das características que anuncian pois, aparte dunha interface de usuario moi completa, elegante e doada de empregar, CastTV aproveitará as etiquetas dos propios vídeos e a completa con outra información achegada da Internet, de xeito que recompilan moita información para permitir unha mellor busca de vídeos.
Ademais, CastTV non recollerá só a información dos vídeos que se atopen de balde na Rede, senón que tamén buscará as películas que se atopen en servizos de pago coma iTunes, e incluso amosarán información comparativa de formatos e prezos das películas. Así, converteríase nunha ferramenta moi útil tanto para atopar películas, como para trailers cinematográficos ou fragmentos dos nosos programas favoritos, pois indexará correctamente dende o episodio gratuíto da serie 24 que se atopa na páxina de MySpace de Burguer King como o material que haxa en servizos de vídeo coma CBS Innertube ou iTunes. Toda unha marabilla que agradecerán os amantes dos vídeo que queiran coñecer todo o mundo que hai máis aló de YouTube.
Captura da versión de proba de CastTV

PUBLICIDADE