Chaval.es presenta un decálogo para pais e nais contra a pedofilia en Internet

venres, 27 de xuño do 2008 Raquel Noya

Ultimamente non hai día no que, por desgraza, non teñamos que ler ou escoitar nos noticiarios e xornais españois algunha nova relacionada coa pedofilia e con abusos sexuais a menores tan arrepiantes que chegan a poñernos a pel de galiña tan só co titular. Unha das canles nas que estes individuos (por non chamalos criminais) atopan, xeralmente, as súas vítimas, é Internet, onde as nenas e nenos navegan con toda a confianza sen imaxinarse que poden chegar a ser vítimas de pedófilos que se moven pola Rede á súa procura.
O portal Chaval.es, a fin de prever estas actividades delitivas e acabar con este tipo de lixo social, vén de presentar o Decálogo do bo uso de Internet, dirixido a nais e pais que lles explica cómo ensinar aos seus fillos a navegar dun xeito seguro e sen expoñerse a situacións non desexadas.
O portavoz de Red.es, (entidade pública que promove esta web) Rafael Chávarri, presentou a iniciativa durante o Congreso Internet na Aula, onde explicou que os pais, nais, titores e titoras “deben instalar o ordenador das nenas e dos nenos nunha habitación na que se poidan controlar para que non naveguen de noite e acompañalos sempre nas súas primeiras conexións”.
O decálogo recomenda, entre outras cousas, que os pais e nais controlen cál é a rede social das e dos cativos por medio de programas de software avanzado que gravan os chats para que non entren en “ámbitos de pedofilia” e alerta sobre o perigo de entregar certos datos persoais como a idade, dirección ou número de teléfono a páxinas sospeitosas.
Chaval.es vén de renovarse cara a tecnoloxía 2.0, baseada na interactividade, con novas seccións como Reporteiro Chavales, Xanela ao mundo e Club Chavales, que constitúe unha comunidade virtual para os máis pequenos e pequenas da casa.