Chega a España o xogo móbil Harry Potter: Wizards Unite

luns, 24 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O xogo móbil Harry Potter: Wizards United de Niantic, co que os creadores de Pokémon Go queren trasladar a experiencia da realidade aumentada ao mundo máxico creado por J. K. Rowling, estreouse nos EE.UU. e Reino unido a semana pasada, pero o lanzamento internacional só está a ser paulatino por motivos técnicos, de xeito que a chegada a diferentes países está a realizarse con bo ritmo e, como exemplo, temos que durante a fin de semana chegou a unha chea de países entre os que figura España, e practicamente xa podemos dar por dispoñible globalmente este prometedor xogo que ten todas as bazas para ser o fenómeno do verán.
Este novo xogo móbil está dispoñible para a súa descarga na App Store e na tenda de aplicacións de Google Play (así como na Galaxy Store de Samsung, que conta cun desconto do 10% nas compras dentro da aplicación até rematar o mes de xullo).
Como acontecía con Pokémon Go, en Wizards Unite teremos que movernos polo mundo real para ir atopando animais fantásticos e numerosas ameazas máxicas, de xeito que tanto teremos que recoller elementos para progresar como magos e poder contar coas ferramentas para seguir a enfrontarnos aos retos que van chegando. Teremos que elaborar pocións, especializarnos en diferentes profesións, lanzar feitizos en enfrontamentos en realidade aumentada realizando xestos sobre a pantalla do móbil, resolver misterios e incluso unir forzas con outros xogadores para superar desafíos máxicos dispoñibles nas fortalezas que aparecen no mapa.
Temos así unha experiencia que pode lembrarnos moito á de Pokémon Go, o que fará doado que os xogadores dominen as súas mecánicas en poucos minutos, pero con certa personalidade que fará que os millóns de seareiros dos libros e películas de Harry Potter e o seu universo fantástico poidan sentirse partícipes desta realidade alternativa que nas vindeiras semanas estará moi presente nas rúas, praias, parques e monumentos do noso contorno.

Tráiler de Harry Potter: Wizards Unite

PUBLICIDADE