Chega á Rede Camiñares, novo audiovisual do fondo de proxectos Xacobeo 2021

venres, 27 de novembro do 2020 Sonia Pena

Este 26 de novembro presentouse o terceiro vídeo-clip da Triloxía Meiga, que en outubro inaugurou a publicación de traballos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta. A estrea da peza Camiñares, unha nova contribución de Queiman e Pousa, contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que salientou os valores do vídeo-clip para “plasmar a beleza do Camiño de Santiago e os valores de autocoñecemento, de amizade e máis de convivencia que esta rota propicia, valores expresados ademais en lingua galega, que é a que usan todos os materiais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021”. Camiñares xa pode verse no Youtube, no sitio propio de Política Lingüística.
Pode verse xunto con outros dous vídeos que compoñen a Triloxía Meiga: Axendados e Alalá meigo. Cada un deles está dedicado a un dos seguintes elementos da natureza: terra, auga e fogo, respectivamente. O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos, Andrea Pousa. Todos estes traballos teñen por obxectivo a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia e empregan distintas artes (danza, música, circo...) para alcanzar esta meta.
Xunto con Valentín García, interviñeron na presentación a cantante Andrea Pousa, e o Bruxo Queiman, precisamente.
Fondo Xacobeo 2021
No marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19, a Xunta de Galicia promove a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega no que se inclúe a iniciativa presentada este 26 de novembro. O repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise sanitaria e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

PUBLICIDADE