Chega o apagamento analóxico aos EE.UU.

venres, 12 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Despois dun primeiro aprazamento, hoxe é a data na que está programado o apagamento analóxico nos EE.UU., de xeito que a partir de mañá os cidadáns que desexen recibir o sinal de televisión terrestre en aberto deberán contar cun televisor con sintonizador dixital ou dun receptor de TDT conectado ao seu vello televisor analóxico, convertendo tamén en reliquias as antenas de cornos.
Pero que finalmente se produza o cese de emisións analóxicas é difícil de crer, pois un estudo publicado por Nielsen sostén que na actualidade 2,8 millóns de fogares (o 2,5% do mercado televisivo) aínda non contan con receptores para a TDT, o que en boa medida vén motivado pola deficiente campaña informativa do Goberno e o mal funcionamento da campaña de subvención de receptores de televisión dixital terrestre a través de cupóns.
Esta situación dá a impresión de que o apagamento analóxico non poderá ser total, e sería principalmente formal, mentres resolven os problemas que vaian xurdindo, aínda que non hai comunicacións oficiais a este respecto.