Chega un proxecto tecnolóxico galego para facilitar as tarefas do persoal sanitario

mércores, 13 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

O investigador Víctor Manuel Alonso, responsábel do sistema

O enxeñeiro vigués Víctor Manuel Alonso Rorís, a través da súa tese de doutoramento, vén de desenvolver un proxecto tecnolóxico para facilitar ao máximo as tarefas diarias dun centro médico. O sistema, que foi avaliado durante tres meses no Hospital Son Espase de Palma de Mallorca, consiste nunha tecnoloxía de seguimento flexíbel, de baixo custe e accesíbel a través de móbiles ou tabletas. No devandito hospital, empregouse o método para facer monitoraxe dos labores de elaboración e administración das mesturas de nutrición parenteral: a que achega ao paciente por vía intravenosa os nutrientes básicos que precisa. Estes labores son particularmente delicados (os erros humanos ou a contaminación poden causar danos nos pacientes) e demandan dende hai tempo recursos que permitan o máximo control nos procesos. Neste caso concreto, o sistema do enxeñeiro galego saldouse con valoracións moi positivas.
O seu proxecto ten o alicerce, como dixemos, na súa tese doutoral, defendida na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e dirixida polos profesores Juan M. Santos e Luis M. Álvarez Sabucedo. O traballo fai fincapé en até que punto no ámbito sanitario actual establecéronse xa múltiples mecanismos para o seguimento dos protocolos de actuación con maior repercusión (xestión do persoal, control de citas...), pero, pola contra, existen múltiples accións rutineiras que seguen sen estar monitorizadas e que afectan de forma directa á saúde dos pacientes.
En total, no devandito caso de estudo específico trazáronse máis de 500 mesturas, obtendo información exhaustiva sobre todo o seu ciclo de vida en case 4.000 rexistros de seguimento. O novo sistema púxose a proba do 1 de xuño ao 6 de setembro de 2016, tres meses de desenvolvemento que serviron para mellorar e evolucionar a proposta inicial e para conseguir, en base aos bos resultados, financiamento para iniciar un novo proxecto de investigación que terá como obxectivo a materialización dun sistema máis avanzado co que se pretende facer seguimento de novos escenarios de aplicación en novos contextos e organizacións.

PUBLICIDADE