Chegan os combates de adestradores a Pokémon GO

xoves, 13 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a febre masiva de Pokémon GO queda moi lonxe, o xogo móbil consolidouse, e non cesou de incorporar contidos e mellorar, até que por fin deu o paso que moitos usuarios esperaban dende o comezo: a posibilidade de realizar combates de adestradores.
Até o momento os xogadores podía atrapar e adestrar Pokémon para tomar o control de ximnasios e desafiar a poderosos xefes de incursión, pero agora poderán pór a proba as súas habilidades nos combates de adestrador, funcionalidade que está limitada aos xogadores de alto nivel, que poderán enfrontarse a outros empregando equipos de tres Pokémon e, ao rematar o combate, ambos participantes recibirán recompensas, incluíndo a oportunidade de conseguir obxectos de evolución pouco comúns, como a Pedra Sinnoh.
Estes combates de ritmo acelerado xogaranse en tempo rela, e os Pokémon poderán usar tanto ataques rápidos como ataques cargados. Tamén será posible empregar pos estelares e caramelos antes do combate para desbloquear un ataque cargado como bonificación para os Pokémon.
Nestes enfrontamentos non só importará quen ten o Pokémon máis forte nin cos movementos máis potentes, senón que elixir o momento perfecto para actuar tamén será importante, xa que poderán empregarse escudos protectores (limitados) que poderán evitar danos críticos.
Para que os combates sexan xustos, os adestradores deben competir na mesma liga de combates de adestrador, que determina o valor máximo dos Pokémon participantes. Os que busquen un maior desafío poden participar na Liga Master Ball, que carece de límite nos PC dos Pokémon que poden combater, de xeito que haberá que desenvolver estratexias gañadoras que poden xirar en torno a Pokémon lendarios e a xogadas de contraataque intelixentes.

PUBLICIDADE