Comeza a desescalada das limitacións no streaming

venres, 15 de maio do 2020 Marcus Fernández

A finais de marzo, e seguindo indicacións das institucións europeas, Netflix, YouTube, Amazon Prime VIdeo, Apple TV+ e Disney+ reduciron a calidade das súas retransmisións de vídeo para evitar a saturación das redes de telecomunicacións, o que conseguiron con éxito, pero unha vez superado o peor da fase de confinamento prepárase a volta á normalidade, e Netflix vén de iniciar a recuperación da calidade das súas retransmisións, o que previsiblemente farán tamén o resto de compañías nas vindeiras horas.
Nas últimas semanas os vídeos 4K con HDR de Netflix estaban limitados a uns 7,62 Mbps, pero agora xa están a realizarse emisións por streaming até a 15 Mbps, realizándose cambios na compresión tamén para o resto de resolucións dispoñibles, que de media supoñían unha redución do tráfico de datos dun 25%.
Pero o feito de que reducisen a calidade das emisións non foi dabondo e durante o confinamento Netflix tivo que multiplicar por catro a súa capacidade normal, conseguindo así que os seus usuarios non padecesen cortes nun servizo moi demandando nun momento no que os usuarios non poden saír da casa.

PUBLICIDADE