Comeza a presentación de Halo 3 en España e dáse a coñecer o anuncio oficial na Rede

venres, 14 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

O mundo dos videoxogos está que ferve, estes días. De entre todos os seareiros das consolas, os da Xbox 360 de Microsoft e máis concretamente da maridaxe (maridaxe con fidelidade mutua ó cen por cen: en exclusiva) desta consola coa saga de Halo, saben do que lles estamos a falar. Falamos da terceira entrega da serie, a que segundo a casa responsable do deseño (Bungie) vai ser a definitiva e que ten prevista a súa estrea mundial para o 25 de setembro. Pois ben: o xogo Halo 3, co fin de ir abrindo boca e de mover ós seareiros españois a ir contando os seus aforriños, comezou este xoves 13 a súa rolda de presentacións en Valencia. A rolda, como dixemos hai uns días nesta mesma web, seguirá activa ó longo do mes e, no camiño, vai servir tamén de dosificador de información sobre o xogo.
Hoxe mesmo, sen ir máis lonxe, soubemos da presentación en Xbox.com do anuncio oficial do produto, que leva o título de “Dioarama” e que ficará visible a partir das 18 horas. O spot, como todo o conxunto da saga e desta terceira entrega en particular, vai encamiñado a ampliar na medida do posible o abano das audiencias, centrándose nos aspectos menos técnicos, no miolo desta “historia de guerra, deber, sacrificio e heroísmo”, tal e como a define Microsoft. Tamén se pode ver en Soapbox.
Polo que respecta ás posibles vendas do videoxogo en cuestión, cómpre sinalar que xa hai estimacións ó respecto. Calcúlase que os responsables de Halo 3 facturarán até 200 millóns de dólares durante as primeiras datas de lanzamento.

PUBLICIDADE