Comeza en Santiago a XII Maker Faire Galicia cunha xornada de emprendemento e innovación social
luns, 1 de xuño do 2026
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou esta mañá a XII edición da Maker Faire Galicia, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Rosa Méndez, directora da área de Innovación do IGAPE; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; e Enrique Saavedra, cofundador e coorganizador da Maker Faire. Explicaron que a primeira xornada, centrada no emprendemento e a innovación social, celébrase este sábado 6 de xuño.
A tenenta de alcaldesa salientou que a Maker Faire “é un evento máis que consolidado, referente a nivel internacional e que segue sumando visitantes en cada edición, con máis de 10.000 na do ano pasado”.
Tamén puxo en valor “o compromiso e a conciencia social deste evento, que unha vez máis pon o foco no uso da tecnoloxía para mellorar a inclusión e a vida de colectivos como o das persoas con discapacidade”.
María Rozas referiuse tamén á colaboración institucional que fai posible a celebración da Maker Faire, e tendeu a man do Concello de Santiago “para seguir fortalecendo este evento do que todas nos sentimos profundamente orgullosas e coa que empezamos a colaborar desde a primeira edición, cando o movemento maker aínda era algo que nos resultaba estraño”.
Na mesma liña pronunciáronse Rosa Méndez, directora da área de Innovación do IGAPE; e Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta. Ambas salientaron que a Maker Faire permite “dar visibilidade ao talento e a innovación que vai intrínseca a Galicia”, e é “unha boa oportunidade para avanzar no obxectivo de que ese talento se convirta en novas empresas e oportunidades de emprego”.
Enrique Saavedra, encargado de dar conta da programación da primeira das xornadas da Maker Faire, salientou que “o evento está nun punto de madurez e consolidación que nos permite centrarnos naquilo que xera máis impacto real e a curto prazo na sociedade, na innovación social, no emprendemento ou na economía circular”. Tamén puxo o acento na intenacionalización da feira “á que cada ano se suman makers de países novos, nesta edición coa gran novidade de Turquía entre os expositores”.
Tal e como explicou Enrique Saavedra, os contidos da xornada do sábado están pensados para persoas de todas as idades e de diferentes perfís. Así, haberá obradoiros relacionados coa ciencia, a arte, ou a realidade virtual; e mostraranse proxectos argalleiros que “demostran a importancia de compartir coñecemento e como é posible mellorar a vida da xente desde a tecnoloxía”, sinalou, engadindo, no capítulo de charlas inspiradoras, que este ano participarán relatores como Mar Benavides, coordinadora do festival solidario para persoas desprazadas Nos seus pés no Grove; Pablo Núñez, que presentará un proxecto tecnolóxico innovador que permite achegar a sociedade á realidade cotiá das persoas con Parkinson; ou a Asociación MISELA de Noia, que presentará o seu proxecto de transformación de residuos plásticos recollidos no mar no que participan persoas con discapacidade.
Formato consolidado
Nesta edición, a Maker Faire repite o formato con tres xornadas diferenciadas que se puxo en marcha hai dous anos e que está permitindo chegar a novos públicos. Así, despois do evento do próximo sábado 6 de xuño, a Casa das Máquinas acollerá as outras dúas xornadas da Maker: o 9 de outubro, centrada na Industria: e o 20 de novembro, coa xornada dos Oficios.
A Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia e organízase e opera de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso de fomentar a creatividade, a innovación e o talento na comunidade maker.
