Comeza unha nova edición dos GPUL Labs logo do éxito de participación do ano pasado

xoves, 2 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, con centro de operacións na FIC da Universidade da Coruña, vai recuncar este ano (e logo dos éxitos de participación de 2016) cos seus GPUL Labs, un programa de innovadores obradoiros en clave participativa dirixidos a fomentar o desenvolvemento de software en código aberto e “facer” comunidade galega de desenvolvedores. O novo roteiro dos GPUL Labs, que beben das fontes do movemento Maker, depararán non só aprendizaxe, senón tamén creación tecnolóxica en si mesma.
A idea, unha vez máis, é fornecer cada semana unha actividade práctica enfocada a unha tecnoloxía libre. Na páxina web dos Labs xa podemos ver confirmados obradoiros sobre Raspberry Pi (unha introdución), sobre Git e GitLab e, tamén, sobre JS e React.
Segundo informa o GPUL, os motivos de recuncar cos Labs teñen que ver, directamente, coa coa acollida das accións programadas o ano pasado, o ano de estrea. A edición 2016, sen ir máis lonxe, xuntou máis de 450 asistentes. Houbo charlas e hackathons, e do seu seo xurdiron até 10 proxectos diferentes. Ademais, contouse con tres patrocinadores internacionais e até oito empresas colaboradoras.
A convocatoria para este ano xa está lanzada, segundo reflicte o propio Grupo de Programadores e Usuarios de Linxu, que lembra que no caso de querermos participar cunha charla, colaborarmos coa iniciativa ou patrocinala, xa podemos visitar labs.gpul.org e mailo o repositorio mediante o que se coordina toda a actividade.
Estas actividades realízanse ao abeiro do convenio de colaboración entre as Asociacións de Usuarios de Software Libre e a AMTEGA para a difusión do software libre en Galicia.

PUBLICIDADE