Como facer aplicacións limpas, ao detalle nun novo curso de Vitae Consultores

martes, 11 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Quen traballe facendo desenvolvementos informáticas saberá o importante que é traballar en grupo, de xeito participativo e enriquecedor. Para que isto ocorra e para lograr que a contribución de cada persoa implicada chegue a bo porto, asegurando o máis óptimo resultado final do desenvolvemento, fai falta seguir unha serie de pautas de traballo. Estas pautas teñen o obxectivo de achandar o terreo e permitir que todas as vertentes do traballo estean despexadas de obstáculos. Dito doutro xeito: precísase que todo o mundo fale a mesma linguaxe e que non haxa equívocos. Para botarnos unha man neste punto, Vitae Consultores organiza cada pouco o seu Curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas. A actividade formativa, de dez horas de duración, celebrará a súa edición número 9 na Coruña, o 28 e o 29 de febreiro, no Hotel Attica 21.
O curso ten unha orixe que vai máis alá do tecnolóxico e que se remonta a calquera sector, chanzo industrial ou eido económico: para acadar as máximas axilidade e eficacia nunha tarefa laboral concreta, é preciso que todos os elos da cadea sexan ben comprendidos. Ou sexa, fai falta, entre outros factores, o factor transparencia.
En termos xerais, a actividade formativa serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode. A actividade formativa terá unha duración de 10 horas e cun enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE