Compostela desvela as claves dos contratos do audiovisual
luns, 16 de xuño do 2008
A Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e maila Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) organizan, ao longo dos días de hoxe e mañá, un Seminario sobre as claves dos contratos audiovisuais, pensado para que as empresas produtoras “afonden na comprensión dos contratos do audiovisual e para que poidan aproveitar mellor as súas posibilidades”. As clases desenvolveranse no Club de Prensa de Santiago de Compostela en horario de 10:00 a 14:00 os dous días e de 16:00 a 19:30 só na tarde de hoxe, na que se incidirá na situación dos contratos cos intérpretes (actores, actrices e figurantes).
Os asistentes a este seminario entrarán en contacto directo coas peculiaridades da produción e da comercialización audiovisual a través dos contratos do sector, “documentos que son complexos e están cheos de matices”, nembargantes son unha parte imprescindible para acadar unha comercialización proveitosa da obra audiovisual.
O programa destas xornadas inclúe a realización de casos prácticos cos que se poderán comprender todos os detalles dos contratos audiovisuais e que permitirán resolver todas as dúbidas ao respecto. Asemade, o curso analizará os contratos con cada profesional que intervén nas obras audiovisuais (guionistas, directores e directoras, actores, actrices, figurantes, técnicos...) e achegará os detalles da contratación da música nas películas, a publicidade, a promoción, o making-off e os contratos de coprodución.
Tódolos obradoiros e clases serán impartidos polo avogado especialista en dereito audiovisual, José Antonio Suárez Lozano.
