Conexiona impulsa un software para predicir a gravidade dos ictus

luns, 6 de novembro do 2017 Redacción

As doenzas de meirande presenza na nosa terra teñen (cada vez máis) o seu contrapunto, o seu contrincante, nas novas tecnoloxías da información. Non tanto á hora de sandar, aínda que tamén, senón de previr, de facer seguimento, de elaborar diagnósticos máis exhaustivos, de acertar no tratamento e de avaliar a gravidade da doenza en cuestión nun individuo concreto. Este precisamente é o alicerce do proxecto no que está a traballar a nosa firma TIC Conexiona, emprazada na Tecnópole. Trátase, en palabras da empresa, do que sería o primeiro software para predicir a gravidade dun ictus. Para levar ao mercado este achado, a empresa ourensá puxo en marcha a spin-off LINCbiotech, en estreita colaboración co Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
A nova firma biotecnolóxica, presentada os días pasados en Santiago e Ourense, xorde “para desenvolver e comercializar un software de axuda á decisión clínica que cuantifica e mostra a temperatura cerebral a partir dos datos xerados mediante resonancia magnética (RM) en pacientes que veñen de sufrir un ictus”.
Esta información, informaron os responsábeis do proxecto nas presentacións, intégrase coa imaxe volumétrica e espacial dos estudos de neuroimaxe, coa finalidade “de proporcionar un diagnóstico máis preciso e personalizado aos pacientes”. A tecnoloxía resultante, fíxose saber, ten posibilidades de ser adaptada a diferentes ámbitos da saúde e a atención médica.
Por certo que na folla de ruta de LINCbiotech tamén está previsto lanzar unha tecnoloxía con capacidade para inducir unha hipotermia focal nas persoas que veñen de sufrir un ictus, un tratamento de probada eficacia na diminución dos efectos da dita doenza.
A empresa foi presentada os días pasados na sede do Laboratorio de Neurociencias Clínicas, no Hospital Clínico de Santiago, por parte da xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; José Castillo, director do LINC e director científico do IDIS; e de Carlos Sande, director de I+D e Proxectos de Conexiona. Posteriormente trasladáronse a unha visita á sede da empresa, en Tecnópole.
Segundo a planificación proxectada, o inicio da comercialización do software médico en España e Europa será a principios de 2019. Nas sesións cos medios e cos profesionais da saúde e das TIC fíxose saber, tamén, que o algoritmo xa foi testado en modelos de experimentación o pasado ano mentres que este ano estase a traballar no desenvolvemento e validación clínica en humanos.

PUBLICIDADE