Confírmase o acordo de compra de EA por 55 mil millóns de dólares

luns, 29 de setembro do 2025 Redacción

Tal e como se rumoreaba a semana pasada, Electronic Arts confirmou hoxe a súa entrada nun novo ciclo estratéxico tras formalizar un acordo definitivo de adquisición por parte dun consorcio de investidores liderado por PIF, Silver Lake e Affinity Partners. A operación, valorada en 55.000 millóns de dólares, marca un fito histórico no sector do entretemento interactivo, ao representar o maior investimento privado en efectivo realizado ata o momento.
A transacción, que contempla o pagamento de 210 dólares por acción aos accionistas de EA, supón unha prima significativa respecto ao valor de mercado anterior e reflicte a confianza dos investidores na capacidade da compañía para liderar a próxima xeración de experiencias dixitais. Segundo Andrew Wilson, CEO de EA, este movemento permitirá acelerar a innovación, ampliar o alcance global da empresa e reforzar a súa posición como referente na creación de contidos que conectan comunidades a través do xogo.
Os novos socios achegan unha combinación singular de capital, experiencia sectorial e redes internacionais que, segundo fontes da compañía, facilitarán a integración de experiencias físicas e dixitais, así como o desenvolvemento de novos modelos de participación dos fans. A sede de EA permanecerá en Redwood City, California, e a actual dirección continuará liderando a empresa durante esta transición.
A operación está pendente de aprobación regulatoria e da votación dos accionistas, pero xa foi validada polo consello de administración de EA, que considera que esta alianza reforza a capacidade da empresa para seguir construíndo comunidades e experiencias que definan o futuro do entretemento.