Conseguen cargar xogos por USB na PlayStation Classic

martes, 11 de decembro do 2018 Marcus Fernández

As consolas retro teñen pouca resistencia á súa modificación por parte de usuarios aventurados que conseguen alteralas para permitir que poida modificarse a relación de xogos que inclúen de serie, pero no caso da nova PlayStation Classic semella que dende Sony non se esforzaron o máis mínimo para evitar facer iso, xa que a consola carecería de certas medidas básicas de seguridade, até o punto que a súa chave de cifrado estaría almacenada de xeito visible no propio dispositivo, facilitando esaxeradamente o hackeo do produto.
Dado que estamos ante unha máquina que fai uso dun emulador de código aberto, coñecer como funciona tamén é relativamente doado, de aí que pouco tempo despois de acceder ao contido da consola xa conseguisen facer correr o xogo Crach Bandicoot (non incluído na mesma) a través dunha unidade de memoria USB. A persoa que realizou este proceso retransmitiuno en directo en vídeo, demostrando o relativamente doado que é modificar esta consola á venda por 99,99 euros, o que podería ser un incentivo para a súa compra, xa que unha das grandes críticas recibidas era a selección dos xogos incluídos, algo que os usuarios máis inquedos poderían ser quen de modificar.
É de esperar que en breve aparezan métodos doados para aproveitar a PlayStation Classic para correr numerosos xogos e incluso outros emuladores, pero cómpre advertir que para todo iso non é preciso en absoluto a peza de hardware, xa que un ordenador ordinario pode mover o emulador que a consola inclúe e, de feito, están dispoñibles emuladores de maior calidade, polo que o esforzo por modificar a PlayStation Classic só ten sentido dende o punto de vista da curiosidade propia da escena hacker.

Vídeo no que podemos ver un prototipo de imaxe de Crash Bandicoot correndo na PlayStation Classic

PUBLICIDADE