Conta atrás para a chegada da Zona Indie Dev a ExpOtaku A Coruña

luns, 18 de maio do 2026 S. P.

A menos dunha semana da súa celebración, comeza a conta atrás para a chegada da Zona Indie Dev de ExpOtaku A Coruña, que volverá os días 23 e 24 de maio en ExpoCoruña coa súa edición máis ambiciosa ata a data.
Tras confirmar máis de 50 videoxogos repartidos en 40 postos completamente ocupados, a organización da Zona Indie Dev adianta agora parte das actividades que se desenvolverán durante o evento, incluíndo torneos, desafíos, premios, sorteos e propostas participativas para o público.
Segundo confirmou a organización, a programación seguirá ampliándose ao longo da semana e poderá consultarse na web oficial de actividades.
Engaden que a falta de poucos días para o evento, a edición de maio de 2026 xa conta con distintas actividades paralelas organizadas tanto pola propia Zona Indie Dev como por algúns dos estudos participantes e centros de formación presentes no evento.
Torneos e competicións
Un dos grandes atractivos desta edición serán os diferentes torneos e desafíos competitivos abertos ao público. O centro de formación Liceo La Paz organizará un torneo de Decay, un boomer-shooter centrado en velocidade, movementos extremos e puntuación, onde os participantes deberán competir por entrar nunha gran final entre as catro mellores puntuacións do evento. O gañador obterá un vale de 10 euros para Steam.
Pola súa banda, Axóuxere Games celebrará un torneo do modo Acumula Puntos de Colours, onde os asistentes poderán competir por lograr a maior puntuación posible antes do peche da xornada do sábado. O gañador recibirá material promocional exclusivo do xogo.
Ademais, o estudo Widijou organizará varias actividades relacionadas con Golpes e Porrazos, incluíndo un Rei de Pista competitivo o sábado 23 e un torneo informal o domingo 24, ambos con premios especiais para os participantes.
Premios Zona Indie Dev
A Zona Indie Dev volverá contar cos seus premios oficiais, destinados a recoñecer o traballo e creatividade dos estudos participantes.
O evento contará con dúas categorías principais de premios:
-Favorito do Público, elixido polos asistentes tras probar distintos xogos da zona.
-Favorito da Zona Indie Dev, decidido mediante votación entre os propios estudos participantes.
En ambas as categorías entregaranse premios de primeiro e segundo posto, recoñecendo así a varios dos proxectos máis destacados do evento.
Todos os galardoados recibirán un trofeo conmemorativo desta edición, cun deseño de inspiración lovecraftiana, ademais de diferentes lotes de videoxogos. Estes premios incluirán unha ampla selección de títulos grazas ao apoio de Tesura Games, JanduSoft e Devilish Games.
Sorteos e participación do público
A organización confirmou tamén que a participación activa do público volverá ter un papel fundamental dentro da Zona Indie Dev.
Todas aquelas persoas que completen o Pasaporte Indie e participen nas votacións oficiais poderán acceder ao sorteo oficial da Zona Indie Dev, composto por 5 sorteos en total.
Estes premios incluirán videoxogos grazas ao apoio de Tesura Games, Devilish Games e JanduSoft, xunto con material promocional e produtos exclusivos doados polos propios estudos participantes.
Os sorteos celebraranse o domingo 24 de maio ás 14.00 en directo dentro do evento no escenario despois da entrega de premios
Ademais, algúns estudos participantes organizarán os seus propios sorteos independentes. Entre eles destaca Nine Bites, que regalará lotes de merchandising do seu videoxogo The Sample entre as persoas que proben a demostración e participen na súa actividade.
O Pasaporte Indie
Como parte das actividades do evento, os asistentes tamén poderán completar o Pasaporte Indie da Zona Indie Dev. Cada estudo participante contará cun selo dixital exclusivo asociado ao seu videoxogo. Os visitantes poderán desbloquealos escaneando códigos QR tras probar os diferentes xogos presentes na feira. A iniciativa busca “incentivar que o público descubra novos proxectos e percorrer toda a zona indie durante o evento, ademais de dar paso ao acceso á votación e con iso aos sorteos”.
Unha experiencia máis completa
A organización busca que a Zona Indie Dev non “sexa unicamente un espazo para probar videoxogos, senón tamén un lugar de encontro entre xogadores, prensa, creadores e profesionais do sector”.
A edición de maio de 2026 reunirá talento de toda Galicia e de distintos puntos de España, consolidando o crecemento que o evento experimentou durante os últimos anos.
Con esta programación paralela, a organización reforza a súa aposta por converter a Zona Indie Dev nun dos espazos máis activos dentro do evento.