Coremain compartiu a súa experiencia TIC con estudantes de Santiago, Pontevedra, Cambre e A Estrada
martes, 14 de xaneiro do 2020
Co
novo ano colleu impulso a terceira edición do programa
Tecnólog@
por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 a
oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada
laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia (desta
volta ofrécesne 74 prazas). Ao abeiro da iniciativa, unha das
accións de DigiTalent axencia autonómica AMTEGA, xa se están a
organizar visitas a 12 empresas galegas ou con importante presenza en
Galicia. Entre
elas atópase Coremain, que vén de achegarnos á realidade da súa
experiencia cos vindeiros profesionais tecnolóxicos da nosa terra,
unha experiencia na que recunca Coremain logo da súa participación
nas anteriores edicións de Tecnólog@ por un día.
Segundo
informa a empresa con sede principal en Santiago, no Polígono de
Costa Vella, as visitas están a permitir aos profesionais da área
de BPO compartir e resolver as inquietudes dos estudantes dos centros
educativos de Santiago (Colexio Manuel Peleteiro e IES Rosalía de
Castro), Pontevedra (Frei Martín Sarmiento), Cambre (IES David
Buján) e A Estrada (IES Manuel García Barros), que visitaron nas
últimas semanas as dependencias da empresa, compartindo un interese
común por descubrir o funcionamento interno dunha compañía
tecnolóxica como é Coremain.
Ao
longo das visitas os profesionais da empresa tiveron a oportunidade
de facer abrollar, moitos por vez primeira, cadansúas facetas
docentes. Polo que se refire aos estudantes, mostraron especial
interese en comprender a aplicación da programación nunha contorna
real, os usos prácticos de linguaxes como Java ou Python ou as
metodoloxías para a creación de macros Macrotest. Tamén quixeron
afondar no proceso de concepción dun robot, que puideron
experimentar en primeira persoa a través dalgúns dos proxectos en
marcha de Coremain e dunha actividade práctica e moi dinámica na
que se lles propuxo desenvolver un automatismo desde cero.
Os
estudantes participantes na experiencia aproximáronse ademais ao
desenvolvemento de software e as distintas fases que implica este
proceso, así como as metodoloxías máis empregadas nesta área.