Coremain e Babcock dan forma a un servizo de cardio-protección no Camiño de Santiago por medio de UAV

martes, 26 de maio do 2020 S. P.

A empresa galega Coremain está a participar nun proxecto de atención sanitaria de resposta urxente para o Camiño de Santiago: un servizo de cardio-protección que pon en xogo, para acadar a máxima eficacia e as mellores garantías de resolución, tecnoloxías aéreas non tripuladas de seguimento e control (UAV). Coremain concorre no proxecto achegando a parte de desenvolvemento software, logo que de resultase elixida pola compañía aeronáutica Babckock España, para tal fin.
Segundo informa Coremain, o servizo de atención médica resultante, en coordinación coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias (CCUS-061), “permitirá diagnosticar e tratar nun curto período de tempo a aqueles pacientes que sufran unha parada cardiorrespiratoria nalgún punto do Camiño”.
O funcionamento do sistema baséase na necesidade de achegar un extra de eficacia, resolución e resposta inmediata na localización. O servizo ponse en marcha unha vez que se recibe unha chamada no CCUSG-061 e, tras un diagnóstico inicial por parte dos sanitarios, estes disporán dunha ferramenta que lles permitirá enviar diverso equipamento de urxencia (un kit de emerxencia que inclúe un electrocardiógrafo, un desfibrilador, lentes para visualizar a escena e un dispositivo móbil con información sanitaria de apoio á asistencia), mediante un UAV, a aqueles lugares nos que o acceso é complexo en termos de tempos de resposta.
Coremain ocúpase,, ao abeiro deste proxecto, de desenvolver esta ferramenta de xestión integral de misións de asistencia inmediata ás urxencias sanitarias, mediante UAVs, que consta de tres compoñentes:
· Xestión e monitoraxe da misión e frota para realizar o seguimento do UAV até a súa chegada a destino, entrega do kit de emerxencia ao asistente e recompilación dos datos da misión, mediante as imaxes proporcionadas pola cámara do UAV -que permiten ver toda a escena-, polas lentes -que posibilitan a supervisión do estado do paciente en tempo real-, e os datos proporcionados polo electrocardiógrafo.
· Unha aplicación móbil que permitirá ao asistente visualizar contidos e dispor de información de apoio para ofrecer unha correcta asistencia.
· Unha aplicación móbil de monitoraxe dos UAV para que ambulancias e persoal sanitario poidan realizar o seguimento da asistencia.

PUBLICIDADE