Correo TV leva a súa programación á comarca do Barbanza e arredores

mércores, 9 de marzo do 2011 Raquel Noya

Cobertura de Correo TV e TV 27 Barbanza

Froito dun convenio de colaboración asinado recentemente entre Correo TV e TV 27 Barbanza, con centro de produción en Ribeira, a televisión local da área de Compostela chega, dende o pasado día 1 de marzo, ata os fogares de toda a comarca do Barbanza e do resto de concellos costeiros que van dende O Grove ata Fisterra. Os veciños e veciñas destas zonas tiveron que resintonizar nas súas televisións unha nova canle, a 27 da TDT (correspondente á licenza da Editorial Compostela para demarcación de Ribeira) para ver a nova programación que lles chegaba ata os seus receptores. Trátase, segundo apuntan no xornal galego do mesmo grupo de comunicación, “dun novo modelo de televisión no que se suman os contidos de carácter local, aportados pola produtora de Ribeira, e aqueles de Correo TV que son de interese galego como debates, tertulias, cultura, espazos de arte, magazines e entrevistas”. A difusión deste sinal de televisión, que leva Correo TV aos fogares de 300.000 galegos e galegas, realízase dende o Monte Xiabre de Catoira (onde está o centro emisor principal), e os reemisores en Noia e entre Muros e Carnota. As ondas da local compostelá chegan agora aos concellos de Ribeira, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Boiro, Porto do Son, Noia, Outes, Lousame, Muros e Carnota; así como ás zonas colindantes de Vilagarcía de Arousa, Vilanova, O Grove, A Illa, Cambados, Catoira, Cee, Corcubión e Fisterra.
Na imaxe, a zona de cobertura de Correo TV logo da fusión con TV Barbanza, vista en El Correo Gallego.