Coruña Estudio Inmersivo (CEI) preséntase en Iberseries como referente europeo en innovación audiovisual

xoves, 2 de outubro do 2025 Redacción

No marco de Iberseries, que se celebra do 30 de setembro ao 3 de outubro en Matadero Madrid, a Deputación da Coruña e Pedralonga Estudios deron a coñecer hoxe Coruña Estudio Inmersivo (CEI), un dos platós virtuais máis avanzados tecnoloxicamente de Europa.
Baixo o lema Innovación e eficiencia: descubre o futuro da produción de contidos, o acto contou coa intervención de Rosa Ana García, deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica da Deputación da Coruña; Miguel Ovejero, subdirector de Comunicación Audiovisual do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública; Alfonso Blanco, presidente do Clúster Audiovisual Galego; e José Manuel Deus, director xeral de Pedralonga Estudios.
Á presentación acudiron máis de medio cento de profesionais do sector audiovisual español, así como produtores de Francia, Alemaña, Estados Unidos e Portugal, ademais de medios especializados internacionais.
Rosa Ana García salientou o CEI como un exemplo de colaboración público-privada «que nos sitúa á vangarda da nova xeración de rodaxes inmersivas en Europa e que representa ademais unha gran aposta por un sector estratéxico para Galicia como é o audiovisual. Un sector que non deixa de crecer e reinventarse», afirmou.
A deputada engadiu que o CEI é «un punto de encontro entre a creatividade e a tecnoloxía, que abre novas posibilidades para a industria». «Esperamos que o CEI faga que A Coruña e Galicia acollan novas produccións nacionais e internacionais, creando un ecosistema que permite combinar tanto as rodaxes físicas como as virtuais», indicou.
Coruña Estudio Inmersivo está chamado a marcar un antes e un despois na produción audiovisual en España grazas á súa infraestrutura tecnolóxica de última xeración. Entre os seus principais atractivos figura un plató virtual de 750 m² equipado cunha pantalla LED Wall semicircular de 28 metros de ancho por 6 de alto e resolución 4K, que facilita a optimización de custos e expande as opcións creativas para proxectos tanto nacionais como internacionais.
O CEI, situado na Cidade das TIC da Coruña, contou cun investimento próximo aos nove millóns de euros, financiado pola Deputación da Coruña e polo Plan de Recuperación do Goberno de España. A súa xestión corresponde a Pedralonga Estudios, sociedade creada en 2024 que integra ao Clúster Audiovisual Galego, á Universidade da Coruña e a un grupo de dez empresas audiovisuais galegas de referencia.