Coruña ábrese ás novas linguaxes creativas coa apertura de Mundos Dixitais

xoves, 7 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Os ollos de milleiros de seareiras/os do audiovisual, sobre todo do audiovisual con feituras de vangarda, están estes días dirixidos cara unha cidade galega, A Coruña, sede da décima edición de Mundos Dixitais, un certame que se desenvolve este ano até o 9 de xullo e que, como o seu nome indica, constitúe unha ollada aos mundos que veñen, aos que imos dereitiños, da man da creación con base tecnolóxica. Máis polo miúdo, do que se trata é de establecer un punto de conexión permanente, máis visíbel durante estes días pero perdurábel a fin de contas, entre os profesionais da animación, dos efectos especiais e da creación en 3D. Ao fío disto, presentaranse as máis salientábeis obras do panorama internacional en materia de novos mundos, galegas e de alén da nosa terra.
A décima entrega do certame foi inaugurada este mércores pola directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, o secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, e o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja.
Durante os catro días que dura o encontro, poderanse ver na cidade herculina os últimos avances en eidos como a arquitectura dixital, o cinema de animación, os videoxogos e os efectos especiais. Así, ademais da presenza destacada do fundador de Pixar, Alvy Ray Smith, (que recibirá un premio especial do festival), o evento dará acollida ao deseñador de software e artista dixital, Peter Plantec, ao gurú dos efectos especiais, Eric Roth ou ao arquitecto dixital, Michael J. Brown, entre outros importantes persoeiros.
Porén, neste caixón de xastre dixital no que se dan cita os máis prestixiosos profesionais de distintos sectores TIC e audiovisuais, tamén hai espazo para os emprendedores ou axentes empresariais que acaban de iniciar a súa andaina, e que ano tras ano, atopan nas sesións de recrutamento un lugar de encontro axeitado entre profesionais e empresas no que pór en común as súas necesidades, e desenvolver proxectos ombro con ombro.
Cómpre salientar tamén a entrega dos 3DAwards, os premios internacionais máis importantes da disciplina, aos que aspira como finalista un proxecto español presentado polo Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB en colaboración coa compañía coruñesa Ilux Visual Technologies.
Da xornada dedicada á animación e ao cinema destacan as presentacións de tres empresas galegas: Moonbite Games, Perro Verde Films e Otiiplanet, que amosarán cadanseus proxectos dixitais de éxito, así como a proxección, no Teatro Colón Novacaixagalicia, de Electronic Theater, unha selección dos mellores traballos da industria de contidos dixitais.
O festival remata o sábado, día 9, cunha mesa redonda sobre a saúde do sector en España, así como coa tradicional cerimonia de entrega de premios do Festival Internacional de Animación, que segundo os responsables do certame, é unha cita que “cada ano reúne as mellores curtametraxes de animación de todo o planeta”.

PUBLICIDADE