Coworkinaos será o primeiro proxecto conxunto de ficción entre a CRTVG e RTPA

mércores, 25 de xuño do 2025 Redacción

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Radiotelevisión do Principado de Asturias (RTPA) financiarán a produción da sitcom Coworkinaos, proxecto gañador da primeira convocatoria conxunta Asturias e Galicia crean ficción 2025, coa que ambas entidades afondan na consolidación dunha ponte cultural entre as dúas comunidades autónomas a través da ficción televisiva.
A comedia, que poderá verse nas canles públicas galega e asturiana en 2026, ten lugar nun espazo de coworking rural xestionado por un deseñador gráfico, situado nunha zona limítrofe entre Galicia e Asturias. Alí coincidirán profesionais de perfil diverso, protagonistas de enredos e situacións que xiran arredor dos retos do teletraballo e das súas relacións cotiás.
A gravación de Coworkinaos, presentado pola produtora Múltiple by People, está prevista para o segundo semestre de 2025 e garantirá tanto unha presenza equilibrada das dúas linguas como unha representación equitativa de intérpretes galegos e asturianos.