Creada a primeira web outlet de pisos de España
venres, 8 de maio do 2009
Para a gran maioría dos cidadáns de a pé mercar
unha vivenda supón un dos desembolsos máis importantes da súa vida; é por isto
que para tomar unha decisión (e que esta sexa a máis acertada posible) valóranse
moito a ubicación do edificio, o seu estado, o seu deseño… pero sobre todo, o
que máis se mira por enriba de todo é o seu prezo.
Se ben é certo que, tal e como afirman os
expertos, non é o momento de mercar debido á crise, tamén é verdade que os que
necesitan unha vivenda non poden andar a mirar que os prezos baixen ou que a
situación se estabilice porque se trata dun ben de primeira necesidade no que
non hai que deixar pasar as oportunidades.
Pois ben, para estes cidadáns que non
poden agardar para darlle unha vivenda digna ás súas familias, vén de ser
creada a primeira web “outlet” de
pisos de España: outletdepisos.es,
que ofrece descontos de entre o 10 e o 40 por cento sobre o prezo de venda das
súas vivendas.
Trátase dunha plataforma na que os bancos
e inmobiliarias poderán ofertar os seus produtos e da que, Bancaja e o grupo
Mahersol xa figuran entre os seus clientes habituais.
A web, que conta cunha carteira actual de
800 pisos e cun volume patrimonial aproximado de 150 millóns de euros, prevé
pechar o 2009 con 5.000 propiedades, e cun volume duns 1.000 millóns en “vivendas low cost”.
Así o veñen de afirmar os seus
responsables, os que tamén aseguraron que non faltarán, o vindeiro mes de xuño,
ao salón inmobiliario Low Cost que
terá lugar en Barcelona.
Os usuarios do portal poden ver tanto o
prezo anterior de cada vivenda como o rebaixado, así como acceder directamente
a informes de tasación, escrituras e documentos que avalan a natureza do
desconto do activo en cuestión.
Asemade, as entidades bancarias e as
promotoras informarán dos seus últimos sistemas de venda, como o aluguer con
opción a compra e as facilidades de financiación que se ofrecen.
O fundador da web, Alex Melero, afirma
que a creación deste portal enmárcase “na
profunda transformación do sector inmobiliario que derivará da actual situación
económica” e asegura que neste momento
“o posible comprador está moi confuso e demora a súa decisión”. O seu
obxectivo é, segundo engadiu, “fomentar a
compra de vivenda, liderar a adaptación do sector e convertirse no seu
referente”.
Pese a que polo de agora o único concello
galego que ten presenza nesta páxina web é Viveiro, onde as rebaixas chegan ao
25 por cento, a ben seguro que pronto se engadirán ofertas doutras localidades
nas que se ofertarán os mesmos ou mellores descontos.
