Crean un Twitter apócrifo de Enrique Dans

xoves, 26 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Falso blog de Mr. T

Na Internet norteamericana se fixo moi popular un blog elaborado por un falso Steve Jobs, creando todo un misterio sobre a súa identidade, pois non só narra as súas historias con bo humor, senón que indica ter un bo coñecemento sobre a vida do presidente de Apple. Este tipo de creacións apócrifas teñen incluso toda unha rede de blogs de recente creación, NewsGroper, formada por suplantadores de personaxes que van dende Bill Gates e Bill Clinton ata o carismático Mr. T (máis coñecido en España polo seu papel coma M.A. na serie televisiva do Equipo A). En España acontecen cousas semellantes, coma El diario de Letizia Ortiz, pero nos últimos días nos sorprenderon levando esta práctica a Twitter.
Así, o blogueiro galego afincado en Madrid, Enrique Dans, ve como o seu Twitter no que conta dende a súa visita á Feira Medieval na Coruña ata a redacción dun artigo para unha publicación dixital está a ser parodiado por un usuario que cambia o nome de usuario Edans por edance (que se pronunciaría de xeito semellante) facendo moitos comentarios nos que dan a entender que Dans é un personaxe pagado de si mesmo, pero que, colléndoo con humor resulta moi divertido, aínda que non coñecemos a reacción do recoñecido profesor do Instituto de Empresa sobre o tema.