Crean un sistema para localizar aparcamento urbano a través de Internet

xoves, 8 de xullo do 2010 Raquel Noya

Nos tempos que corren, nos que o coche se converteu para moitas persoas nun obxecto de luxo practicamente imprescindible para desprazarse a toda distancia que supere os 100 metros, faise unha odisea aparcar de maneira legal en calquera cidade ou pobo máis ou menos grande no noso país e a tarefa complícase (segundo a lei de Murphy) canto maior é a necesidade de chegar a tempo a algunha cita ou evento.
A Universitat Autónoma de Barcelona (UAB), en colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Catalunya (CITC) e coa empresa WorldSensing, veñen de desenvolver un sistema que, precisamente para evitar sorpresas desagradables á hora de aparcar, localiza prazas urbanas de aparcamento a través de dispositivos con conexión á Rede.
Trátase dunha rede de nodos (sensores sen fíos) ubicados nas prazas de aparcamento das zonas azuis e verdes, que detecta o espazo baleiro e transmíteo a un servidor central, o cal pode reenviar os datos a paneis informativos e conectarse dende calquera dispositivo electrónico con conexión a Internet, como teléfonos móbiles e GPS de última xeración que guían ao usuario ata o aparcamento.
É por iso que, os investigadores do proxecto, que recibe o nome de Xaloc, veñen de crear unha plataforma que lle permitirá aos Concellos e aos usuarios conectarse a través de Internet e detectar a praza libre máis achegada, o que para os seus responsables, “permitirá diminuir as emisións de CO2 e mellorar a vida dos cidadáns e cidadás”.
Este sistema, no que levan investigando máis dun ano, vaise aplicar en probas durante os vindeiros seis meses, e unha vez comprobado o seu funcionamento, será implantado en cidades como Barcelona, Sabadell, Sant Cugat del Vallès (Barcelona) e Barbastro (Huesca), localidades que, segundo os artífices do invento, “xa mostraron o seu interese polo sistema”.
Os responsables do proxecto teñen previsto que a plataforma sexa aberta e de balde, malia que, segundo informan, “a súa instalación nas rúas ten un custe total duns 170 euros por nodo, que terían que asumir os consistorios”.
O sistema está baseado principalmente na mellora da conectividade, a autonomía e a conexión entre os diferentes nodos, que acadan unha vida útil de máis de 7 anos, similar á das estradas.
Con isto, ademais de permitirlle aos conductores desentenderse dos seus vehículos durante o tempo que precisen, pódese evitar a emisión de 400 toneladas diarias de CO2, grazas á redución do tempo de espera dos vehículos na procura de aparcamento, que de media nunha cidade como Barcelona acada os 15,7 minutos (tirando moi polo baixo).

PUBLICIDADE