Cristina Castaño protagoniza unha nova serie orixinal de SkyShowtime

mércores, 30 de xullo do 2025 Redacción

SkyShowtime vén de anunciar que o vindeiro 6 de outubro estreará Nails, a súa nova serie orixinal, protagonizada pola galega Cristina Castaño (Lume), Marimar Vega (Pacto de silencio), Gracia Olayo (La Mesías), Teresa Cuesta (Machos alfa), Fernando Tejero (La que se avecina), Javier Antón (Vaya semanita), Juanjo Cucalón (Amar es para siempre) e Raúl Mérida (Regreso a Las Sabinas).
Producida por Federation Spain en colaboración con SkyShowtime e Telemundo Studios, Nails está creada, escrita e dirixida por Araceli Álvarez de Sotomayor, que tamén exerce como produtora executiva creativa xunto a Mario Montero. Laura Oliva e Juan Solá completan o equipo de produción executiva.
A serie narra a historia de Lina, Vanessa, Irene e Marilís, catro mulleres de distintas idades e orixes que se coñecen nun salón de manicura. A través dos seus encontros, fórmase unha amizade inesperada que as leva a cuestionar a súa realidade e rebelarse contra os roles que lles impuxeron. Así nace o Club das Mulleres Libres, un espazo seguro para compartir confidencias e axudarse mutuamente a resolver os seus problemas.