Cultura e Educación inxecta 1 millón de euros para o futuro Centro de Investigación en Industria Intelixente (UDC)

mércores, 23 de novembro do 2022 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación ratificou o seu apoio ao proceso de innovación, transformación e excelencia investigadora, docente e tecnolóxica do Campus Industrial de Ferrol (UDC). Farao cunha inxección de 1 millón de euros para a construción do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente (CI3). Así o subliñou este mércores 23 de novembro o conselleiro Román Rodríguez, que comentou que a infraestrutura “será un polo de innovación ao servizo de proxectos estratéxicos de enxeñaría, innovación e deseño”.
O centro, segundo fixeron saber Rodríguez e o reitor Julio Abalde, reunirá nun só edificio seis ámbitos de especialización como son a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e desenvolvemento de produto.
“Este centro está configurado como unha infraestrutura singular no eido da enxeñaría industrial e naval”, asegurou o conselleiro Román Rodríguez, que subliñou que isto suporá crear “un polo de innovación de fabricación aditiva da industria 4.0”. Deste xeito, nel poderán aplicarse e poñerse en marcha proxectos estratéxicos e tractores no eido da enxeñaría, a innovación e o deseño.
Edificio de 1.455 m² de superficie
Ao abeiro deste convenio a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asume o custo do programa funcional e da redacción do proxecto para a construción do Centro de Investigación en Industria Intelixente, de cuxa materialización se encarga a UDC.
Trátase dun edificio de 1.455 m² de superficie que se situará na avenida de Esteiro, na cidade de Ferrol e que dará acubillo a todas as ferramentas e recursos nun mesmo espazo multidisciplinar á disposición dos investigadores para dar resposta aos grandes retos da industria 4.0, ámbito no que o campus conta cunha acreditación de especialización.
O CI3 estará centrado nas liñas estratéxicas de investigación en novos materiais e técnicas de fabricación, modelado, enxeñería naval e oceánica, fabricación aditiva e materiais avanzados.
O edificio contempla unha dotación para laboratorios e zonas de espazos xerais con museo científico, espazos de rent-out e minilabs e zonas de almacenamento e servizos xerais.
A sinatura do acordo
Á sinatura do acordo entre a Consellería e a UDC asistiron Román Rodríguez, Julio Abalde e máis a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, e a Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Maru Tallón.
Mediante este acordo, a Xunta aportará 950.000 euros para dar comezo á creación do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente, Ci3, que a Universidade da Coruña construirá ao lado do Campus de Ferrol.
En concreto, trátase dun edificio de nova construción de 14.771 metros cadrados, con nove niveis divididos en dous sotos, seis andares e un entresolo situado nunha parcela de 1.455 metros cadrados na avenida de Esteiro. O reitor explicou que “o proxecto está xa adiantado pois xa se dispón dun anteproxecto de necesidades que establece que o edificio contará con espazos xerais, área de laboratorios e áreas técnicas”.
O proceso que hoxe se inicia continuará de forma inminente coa licitación do proxecto. A previsión é que a elaboración do proxecto leve un ano e que, despois, buscando unha vía de financiamento coa Xunta se saque a concurso a construción dun edificio que podería estar realizado a finais do ano 2025.
Para o reitor, a formalización deste convenio “é un paso moi importante dentro do proxecto de desenvolvemento do Campus de Ferrol iniciado en 2016”. “Con este acordo iníciase o proceso de creación dun novo edificio de investigación ao servizo do sector produtivo e do desenvolvemento de Ferrol e comarcas”, engadiu Abalde.

PUBLICIDADE